CRTVG

Buscar

Minia Manteiga pide que haxa máis mulleres na Real Academia Galega das Ciencias

Publicado o 05/03/2020 15:07

De pequena botaba horas mirando para o ceo, e acabou convertida na primeira catedrática de Astrofísica de Galicia. E, agora, Minia Manteiga acaba de ingresar na Real Academia Galega de Ciencias. Di que aínda son moi poucas, que xa debería haber máis científicas na institución.

Segue sendo unha nena da Barcala comparando o seu dedo coas estrelas.

"Gustábame moito mirar o ceo. E miralo case de forma poética".

E así a nena converteuse na primeira catedrática de Astrofísica de Galicia e na cuarta muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias.

"Somos moi poucas e, realmente, a presenza de mulleres na Real Academia non reflicte o número de científicas que Galicia ten".

Minia participa con informáticos da Universidade da Coruña no proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea, que lanzou o satélite en 2013.

"Gaia permitiu calcular a distancia á que se atopan as estrelas".

Mira unha estrela e volve mirala seis meses despois.

"Aparentemente, no ceo a estrela móvese un pouquiño, porque a estás vendo cun ángulo diferente dende a órbita da Terra arredor do Sol. E medindo ese ángulo estimamos a distancia á que se atopa a estrela".

E elaboran un completísimo mapa da Vía Láctea simplemente mirando luces.

"Utilizando instrumentos especializados que descompoñen a luz das estrelas en cores e nos permiten ver detalles coma a súa atmosfera, coñecer a súa composición química, a súa temperatura".

E usan intelixencia artificial para analizar tantísimos datos.

"E saber como son as partes da galaxia, cal foi a súa orixe".

Gaia ten unha cámara capaz de atopar unha moeda de euro na superficie da lúa. Con ela vai mirando estrela a estrela.

"E estamos xa nun número de 2.500 millóns de estrelas, aproximadamente un dous por cento de todas as estrelas da galaxia, que parece pouco, pero é moitísimo".

Hai cen mil millóns de estrelas na galaxia. Hai cen mil millóns de galaxias no universo.

Noticias web

05/03/2020