CRTVG

Buscar

Milleiros de venezolanos cruzan as pontes fronteirizas cara a Colombia

Publicado o 09/06/2019 21:57

Despois de que Nicolás Maduro ordenara reabrir as pontes fronteirizas con Colombia milleiros de venezolanos están cruzando de novo a pé ao país veciño.

Desde onte hai longas ringleiras nas pontes de Simón Bolívar e de Francisco de Paula Santander, na cidade de Cúcuta.

Contedores cheos de area e de pedras continúan bloqueando o lado venezolano.

"Suponse que se a fronteira está aberta deberían quitar contedores e quitar todo para que de verdade sexa unha fronteira aberta", di esta muller.

A reapertura das pontes permite o ingreso e a saída de venezolanos cara a Colombia entre as seis da mañá e as nove da noite. Buscan abastecerse ou recibir atención médica. Moitos non regresan.

"O único diferente agora é que non están pedindo certificados médicos nin piden cartos para poder pasar, pero o resto está todo igual", asegura esta moza.

Segundo Acnur, a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados, máis de 4 millóns de persoas marcharon de Venezuela desde o 2016. Só Colombia tería recibido arredor de 1,3 millóns de venezolanos.

Esta tarde o ministro de Exteriores venezolano, Jorge Arreaza, a través da súa conta en Twitter, negaba esas cifras e acusaba a Acnur de mentir.

Noticias web

09/06/2019