CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas tentan asaltar o parlamento de Xeorxia

Publicado o 21/06/2019 07:58

Noite convulsa en Xeorxia. En Tbilisi milleiros de persoas tentaron asaltar o parlamento, nunha protesta contra a presenza na cámara dun detudo ruso. A ira estalou cando se situou no asento principal do parlamento xeorxiano. Medios internacionais falan de setenta feridos e varios detidos.

A policía dispersa os manifestantes arredor do parlamento xeorxiano con pelotas de goma, gases lacrimóxenos e canóns de auga. O edificio estaba xa fortemente custodiado pola previsión de disturbios e dun posible intento de asalto. O ministro de interior xa advertira de que se ían usar todos os medios para impedilo. 

Milleiros de persoas secundaron a protesta opositora contra a presenza na cámara do lexislador ruso Sergei Gavrilov, como parte dunha asemblea de lexisladores de países cristiáns ortodoxos. O detonante desta reacción estrema da multitude foi que Gravrílov sentou na cadeira do presidente do Parlamento durante a cerimonia de apertura do evento, feito que interpretaron coma unha ofensa.

O lexislador ruso apoiou os chamamentos á independencia das rexións separatistas de Abxasia e Osetia do Sur, sobre as que Xeorxia perdeu o control en 2008 na guerra contra Rusia. As relacións diplomáticas entre os dous países racharon daquela.

Logo de horas de enfrontamentos, ducias de persoas foron trasladadas aos hospitais de Tbilisi por feridas de pelotas de goma, de pedras que lanzaban os manifestantes e envelenamento polos gases lacrimóxenos. 

Noticias web

21/06/2019