Centos de miles de persoas manifestáronse este domingo en máis de 100 cidades polacas a favor da Unión Europea e contra un Polexit, tras a polémica sentenza do Tribunal Constitucional do país que rexeita o principio de preeminencia do dereito comunitario.
As marchas, convocadas pola oposición, debuxaron unha paisaxe de cidadáns desfilando con candeas acesas, cantando o himno polaco e a Oda á Alegría ou himno europeo, como son de fondo.
A cita máis multitudinaria, con decenas de miles de persoas, deuse pola tarde na praza do Castelo de Varsovia, o corazón histórico da capital polaca, para amosar o seu apoio á UE e seguindo a chamada lanzada o xoves pasado polo líder da oposición e expresidente do Consello Europeo, Donald Tusk.
Escenas parecidas producíronse en practicamente todas as cidades importantes do país, onde se convocaron concentracións entre as 15:00 e as 18:00 horas, con asistencia de deputados.