Milleiros de persoas reclaman nas Pontes que se retome a actividade en Endesa
Milleiros de persoas saíron á rúa esta tarde nas Pontes para pedir que se retome a actividade na central térmica de Endesa, paralizada desde hai cinco meses. Os manifestantes quéixanse da falta de resposta de Endesa e tamén do Goberno central, ao que lle piden que tomen medidas para garantir o mantemento do emprego
Hai que lembrar que da actividade da central térmica das Pontes dependen uns mil postos de traballo entre directos e indirectos. A maioría deles, arroupados por familiares, veciños e comerciantes das Pontes, participaron na manifestación para pedirlle a Endesa que retome a actividade na central, e ao Goberno que tome medidas para garantir unha transición ecolóxica xusta, que evite o peche da térmica e que que non repercuta no emprego.
Con esta gran manifestación, os traballadores de Endesa As Pontes van cumprindo o calendario de protestas que teñen previsto prolongar ata que lles dean unha solución desde o Ministerio de Transición Ecolóxica.
Os traballadores directos de Endesa, os das empresas auxiliares e os transportistas do carbón encabezaban a protesta. Canda eles, milleiros de veciños e os comerciantes das Pontes, que pecharon os seus negocios en solidariedade co cadro de persoal da central térmica, parada desde hai cinco meses polo incremento dos custos dos dereitos de emisión de CO2.
José Rodríguez, presidente da Asociación de comerciantes das Pontes, "este é un problema dunha vila, non só dos traballadores da central. Aféctanos a todos. Eu son transportista e teño compañeiros que xa foron para a rúa con eres, e así día tras día".
Na marcha participaron tamén 17 alcaldes das comarcas de Ferrol, O Eume, Ortegal, da Terra Chá e da Mariña de Lugo, todas elas afectadas pola falta de actividade na térmica.
Os manifestantes pídenlle a Endesa que aclare que vai facer coa planta, e ao Goberno que tome medidas para evitar que unha central transformada para adaptarse á normativa europea de emisións teña que pechar.
Alberte Amado, CIG: "Ten unha débeda con esta vila. Non pode ser que despois de tanto tempo, con tantos beneficios como obtivo daquí, agora a empresa pare sen máis ou pretenda irse sen máis".
Valentín González Formoso, alcalde das Pontes: "Nós non somos os defensores do carbón nin moito menos. Somos os defensores dos postos de traballo".
Ana Pena, concelleira de Industria das Pontes: "Nós seguiremos na loita ata que nos garantan solucións para que a central térmica poida volver producir".
Os traballadores das empresas auxiliares mantiveron todo este xoves un paro de 24 horas. A media mañá manifestáronse tamén polas rúas das Pontes.
Caballero réunese cos traballadores pechados no concello
A primeira hora da tarde, antes da manifestación, achegouse ata As Pontes o secretario xeral do PSdeG-PSOE. Gonzalo Caballero, acompañado polo portavoz parlamentario Xoaquín Fernández Leiceaga e polo alcalde da vila, mantivo unha xuntanza cos transportistas do carbón que están pechados na casa do concello desde hai unha semana. Caballero asegurou que está en contacto co Goberno de España para garantir que a transición ecolóxica, inevitable, dixo, non repercutirá no emprego.