Milleiros de persoas reclaman na rúa solucións para a industria da Mariña
Milleiros de persoas reclamaban en Viveiro solucións para garantir o futuro industrial da comarca da Mariña. Foi unha manifestación con protagonismo dos traballadores de Alcoa e Vestas, afectados por senllos ERE que poden deixar sen emprego máis de 600 persoas.
Loitarán ata o final para defender os seus empregos e que non se materialicen os ERE. Son traballadores de Alcoa e de Vestas, arroupados por veciños e membros de distintos colectivos chegados desde toda a Mariña para esixir solucións de futuro para a industria da comarca.
Nesta marcha polas rúas de Viveiro, convocada polos sindicatos CIG, UXT e Comisións Obreiras, participaron alcaldes da comarca e representantes das principais forzas políticas.
Os manifestantes reclaman máis implicación das administracións públicas para buscar solucións que eviten o peche da fábrica de aeroxeradores de Vestas en Viveiro, con 115 empregados, e da de Alcoa en San Cibrao, con máis de 500 postos de traballo directos en perigo.