CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas protestan en Londres contra a OTAN e Trump

Publicado o 03/12/2019 19:41
Milleiros de persoas protestan en Londres contra a OTAN e Trump

Miles de persoas percorren este martes as rúas de Londres para alzar a voz contra a OTAN, que celebra nesta cidade o seu 70º aniversario, e en protesta pola presenza do presidente estadounidense, Donald Trump. Os movementos Stop the War Coalition e CND (Campaña polo Desarmamento Nuclear) convocaron esta marcha na céntrica praza de Trafalgar, repleta de bandeiras de países de todo o mundo.

Coreando ao unísono "Non a Trump, Non á OTAN", os manifestantes desprázanse cara ao Palacio de Buckingham, onde a raíña Isabel II ofrecerá unha recepción aos líderes dos países aliados. “A OTAN non soubo manter a paz. A guerra en Afganistán e Libia continúa, houbo numerosas accións en Europa do Leste e as consecuencias infrinxidas pola súa intervención no estranxeiro non fan máis que agravarse”, declarou a Efe Mayer Wakefield, portavoz do movemento Stop the War Coalition.

No corazón da praza, un grupo de persoas suxeita diversas pancartas para rexeitar o intervencionismo de Trump en Cuba, en Palestina, en Irán e na saúde pública do Reino Unido.

A OTAN celebra en Londres o seu 70 aniversario con importantes desavinzas internas

Os líderes dos 29 países membros reúnense desde hoxe nun cumio na capital británica que empeza xa cun clima crispado, tras as críticas do presidente francés Emmanuel Macron que ve a Alianza Atlántica "en estado de morte cerebral". A loita interna dentro do organismo pon en perigo a estabilidade e o futuro da OTAN, que ao longo da historia tivo un gran peso na política de defensa internacional. Pedro Sánchez, presidente en funcións, acode ao cumio para defender a contribución española á Alianza Atlántica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019