CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas examínanse en Silleda para conseguir unha das 169 prazas que Correos oferta en Galicia

Publicado o 19/01/2020 16:00

Correos celebra hoxe oposicións para cubrir 4.000 postos de traballo en toda España. Trátase da maior oferta de emprego convocada na última década pola empresa pública. En Galicia, os exames celébranse, por primeira vez, en Silleda.

O primeiro apuro da mañá os opositores levárono xa antes de poñerse diante do exame. As retencións na peaxe de saída da autoestrada para acceder ao recinto feiral de Silleda comezaban ás sete e media da mañá. Ao chegar, un mozo comenta  "case, case non chego". "Unha retención, veño de Poio e levo case tres cuartos de hora para entrar, pensei que non chegaba", afirma outra moza.

Unhas dez mil persoas estaban convocadas a facer o exame neste lugar, pero as probas realízanse de xeito simultáneo en 29 cidades de todo o estado. Trátase da maior oferta de emprego en Correos da última década.

"Hai 166.000 inscritos ,o maior número dos últimos dez anos. Para toda España son 4.005 prazas, tamén é máxima oferta e en Galicia son 169 prazas", di Xosé Manuel Gonzalez, responsable de Correos en Galicia.

Na ringleira agardan para entrar os aspirantes a un dos postos de carteiros e de axentes para centros lóxisticos.

"Buff está difícil, hai moita xente", comenta un mozo. "Prepareina máis ou menos porque traballo e prepareina no tempo libre", comenta outra moza.

Despois será a quenda dos que opositen ás prazas para atención ao cliente en oficinas. "É encontrar unha oportunidade de traballo bastante segura e unhas boas condicións, dentro do que hai agora". "É buscar un choio doutra maneira, ascender algo na vida laboral".

Os novos carterios ocuparán a súa praza xa esta primavera. Os menos afortunados poderán probar sorte na convocatoria do ano próximo, en que se ofertan outros 3.420 empregos.


 

Noticias web

19/01/2020