Milleiros de persoas esíxenlle á Xunta que paralice o proxecto da mina de Touro
A manifestación contra a apertura dunha mina de cobre en Touro encheu a praza do Obradoiro. Milleiros de persoas esíxenlle á Xunta que paralice o "megaproxecto a ceo aberto" que prevé afectar preto de 700 hectáreas, na súa maioría terreo de explotacións gandeiras e monte.
Deste xeito animaban a espera do arranque da manifestación. Unha marcha que encabezaron os nenos da comarca cunha pancarta que reclama futuro para eles. Detrás, os veciños que consideran ameazado o seu xeito de vida.
O proxecto da empresa Cobre San Rafael, participada por unha multinacional chipriota, supón a apertura dunha mina a ceo aberto cunha ocupación inicial de preto de 700 hectáreas e o levantamento de dúas balsas con muros, din, "máis altos que as torres da catedral de Santiago".
Máis de cen colectivos secundaron a marcha convocada pola plataforma veciñal do Pino e de Touro e a plataforma en defensa da ría de Arousa. Advirten de que a extracción do cobre suporá a contaminación da auga do río Ulla, que abastece unhas 155.000 persoas. Aseguran que no caso dun accidente, as verteduras chegarían á ría de Arousa, con consecuencias "peores ca as do Prestige".
Os líderes da oposición no Parlamento galego compartiron pancarta. De xeito unánime pedíronlle á Xunta que escoite o "clamor" da xente e paralice de inmediato o proxecto da mina de Touro.