CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas desafían a prohibición e enfróntanse coa policía en Hong Kong

Publicado o 31/08/2019 18:40

Decenas de miles de persoas desafiaron hoxe á choiva e, sobre todo, á prohibición da Policía e marcharon polas rúas do distrito financeiro de Hong Kong na decimoterceira fin de semana consecutiva de protestas na cidade. As rúas principais da illa de Hong Kong estiveron abarrotadas de manifestantes e de axentes antidisturbios, que trataban de evitar que levase a cabo unha marcha que tiña como obxectivo protestar ante a sede da Oficina de Ligazón, o organismo que representa ao Goberno de Pequín en Hong Kong.

Non foi ata dúas horas despois cando a Policía comezou a usar gas lacrimóxeno para tratar de dispersar aos manifestantes que se congregaban nos arredores da sede. Foi entón cando un manifestante lanzou un cóctel molotov contra o edificio. Así mesmo, por primeira vez desde que comezaron as protestas, as forzas da lei utilizaron canóns de auga desde os que dispararon tinta azul; segundo a prensa local, isto permitirá identificar con máis facilidade aos manifestantes, xa que a manifestación ilegal é un delito penado en Hong Kong con entre tres e cinco anos de prisión.

Na protesta fixo aparición o secretario xeral da formación prodemocrática Demosisto, Joshua Wong, en liberdade baixo fianza despois de ser arrestado onte xunto polo menos outros cinco activistas e deputados opositores pola súa participación nas manifestacións. A presenza do activista tamén foi significativa pola efeméride que se celebra hoxe: o quinto aniversario da decisión das autoridades chinesas de non permitir o sufraxio universal e libre para elixir o xefe do Goberno hongkonés, que foi a semente para a coñecida Revolución dos Paraugas, da que o propio Wong foi un dos líderes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/08/2019