CRTVG

Buscar

Máis de 110.000 manifestantes en Francia contra a "ditadura sanitaria"

Publicado o 17/07/2021 20:17

Milleiros de persoas saíron ás rúas das principais cidades de Francia contra a "ditadura sanitaria", como denominan as últimas medidas do Goberno para frear a expansión do coronavirus. Interior cifrou en 114.000 os participantes nas distintas cidades. Destacan entre elas a obrigatoriedade de que os sanitarios se vacinen e a esixencia de contar co pasaporte sanitario (pauta completa ou test negativo) para o acceso a un importante número de actividades sociais. As medidas que o executivo aprobará o luns debateranse o mércores na Asemblea Nacional.

Con berros e carteis con lemas que denuncian a que consideran "ditadura sanitaria" pedindo liberdade ou que "deixen en paz o meu corpo" ou mesmo denunciando que "a covid mata a democracia" os manifestantes amosaron o seu descontento nas cidades e vilas.

Nalgunhas das marchas fixéronse visibles os chalecos amarelos das protestas de 2018-2019 contra o Goberno e noutras grupos de ultradereita. O primeiro ministro asegura que entende os reticentes pero a liña é clara: "Debemos vacinarnos", reiterou Jean Castex en Anglet, nos Pireneos atlánticos.

As novas medidas que anunciou o presidente Macron queren incentivar a vacinación para combater a expansión da variante delta que xa supón máis do 67 % dos novos contaxios en Francia. Tras esta decisión, a administración deu case dous millóns de citas en menos de 24 horas en todo o país. O venres logrouse con case 800.000 a marca nacional de doses inoculadas nun só día.

Noticias web

17/07/2021