CRTVG

Buscar

Milleiros de galegos maniféstanse a prol da nosa lingua

Publicado o 17/05/2019 16:29

As rúas de varias vilas e cidades enchíanse de xente que se manifestaba a prol da lingua. Un destes actos celebrouse en Santiago

Foron milleiros de persoas as que, desafiando a chuvia, se sumaron a esta reivindicación. Había políticos. E tamén cidadáns de a pé que quixeron coa súa presenza visibilizar o amor pola nosa lingua e a necesidade de protexela.

E nun día coma o de hoxe, a plataforma Queremos galego pon datos coma estes sobre a mesa para suscitar o debate sobre a lingua: menos do un por cento dos seguros se poden tramitar en galego e só o 0,6 por cento dos xogos e xoguetes destinados á infancia usan a nosa lingua.

Mais din dende a plataforma que a situación non é irreversible. E por iso piden liberdade, igualdade e xustiza para o galego. Unha consigna que hoxe se escoitou tamén noutras doce cidades e vilas galegas.

Mariola R. Pedreira: "Queremos galego convocou concentracións noutra ducia de vilas e cidades de Galicia, como é o caso desta da Coruña. Con estas mobilizacións, a plataforma, composta por máis de 700 entidades, quere estender o tradicional acto reivindicativo de Compostela a toda a xeografía galega"

 Mobilizacións en trece puntos de Galicia.

Máis galego en ámbitos decisivos como é o caso da educación, a sanidade ou a xustiza. Os participantes na mobilización da Coruña concentráronse diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para reclamar unha maior utilización da lingua tamén nas sentenzas xudiciais. A continuación manifestáronse polas rúas da cidade. 

A mobilización de Vigo foi unha das máis numerosas. Os convocantes partiron do cruzamento da Vía Norte con Urzaiz para reclamar na súa marcha liberdade, igualdade e xustiza para os galegofalantes.

En Lugo, concentración na Praza Maior da plataforma Queremos Galego que este ano cumpre o décimo aniversario da súaa creación. O voceiro parlamentario de En Marea, Luis Villares, uniuse a esta convocatoria.
Houbo actos reivindicativos tamén en Ferrol, Ourense e Pontevedra.    

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/05/2019