CRTVG

Buscar

A continuidade de Sánchez pende dos PXE tras a 'censura' da dereita en Colón

Publicado o 11/02/2019 12:33

Foron 45.000 persoas, segundo as cifras oficiais, e 200.000, segundo PP e Ciudadanos. Os partidos convocantes consideran un éxito e un clamor cidadán para pedir eleccións, o que para os partidos da esquerda é un feito que amosa o fracaso da estratexia da crispación.

María Claver, a encargada da lectura do manifesto afirmou que "tras meses de constantes cesións intolerables, o Goberno de Pedro Sánchez decidiu dar unha puñada polas costas á lei e á xustiza".

A fronte contra as políticas de Sánchez deixaba a imaxe de unidade ao final da manifestacións, onde os representantes de PP, Ciudadanos e Vox compartion estrado.

Pablo Casado, presidente do PP: "Para que o resultado electoral do 26-M sexa inequivocamente unha censura ao Goberno socialista".

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Milleiros e milleiros de españois dinlle non a Sánchez e si a España, non aos privilexios e si á xustiza e si á Constitución".

O líder de Vox chegou a pedir a suspensión da autonomía. Mentres, os socialistas recrimínanlle ao PP e a Ciudadanos compartir estrado con un partido que nin sequera ten representación no Congreso.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "O que estou facendo como presidente do Goberno, sempre respectando a Constitución, é tentando resolver unha crise que o Partido Popular contribuíu a agravar cando gobernaba".

Neste contexto comeza o martes o que se considera o xuízo máis transcendente da historia democrática española, que senta no banco os líderes do 'procés'. E o mércores remata o prazo para a tramitación dos presupostos, con PSOE e Podemos tentando salvar as contas.

Irene Montero, Podemos: "Os españois e as españolas están cansadas de que dediquemos horas a falar da diferenza entre un relator e un mediador, que sobreactuemos empregando palabras tan gordas e que non esteamos dedicados aos problemas que afectan a xente: como articulamos a convivencia, como garantimos os servizos públicos".

Os partidos independentistas rexistraron emendas á totalidade. Se non as retira, recoñece o propio Goberno, a lexislatura terá que acurtarse.
 

Noticias web

11/02/2019