Milleiros de cidadáns piden en Santiago a paralización de nova lei de saúde
Milleiros de persoas manifestáronse en Santiago esta mañá para esixir unha sanidade pública sen recortes nos orzamentos, nas camas hospitalarias nin no persoal sanitario. Reclamaron que se paralice a reforma sanitaria e que o goberno galego cumpra co dereito cidadán a unha sanidade de calidade, con hospitais comarcais e investigación pública.
Chegados desde a Mariña, Monforte, o Salnés, Vigo e outros lugares do país milleiros de persoas, de todas as idades, esixíronlle ao goberno que free a actual política sanitaria e a lei na que se ampara."Entendemos que esta lei o que pretende é manter e consolidar lexislativamente os cambio que tivo o sistema nos últimos anos: a descapitalización dos hospitais comarcais, a privatización da Investigación e a precariedade da atención primaria", criticaba o portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública.
Á fronte da manifestación, unidade política de toda a oposición e tamén sindical. Rexeitan o proxecto de modificar a Lei Galega de Saúde que se discutirá no Parlamento esta semana e convocan ao presidente da Xunta a unha negociación con todos os axentes implicados.
"A posición de En Marea, xunto coas maiorías sociais e da poboación de Galiza é a de rexeitar frontalmente esta reforma sanitaria. Non queremos máis recortes, máis desviacións á privada, non queremos supresión de áreas sanitarias. Queremos sanidade pública e querémola cerca da xente" asegurou Luís Villares.
"Das catro provincias, de todas as bisbarras, da cidade e do rural, Galicia está hoxe contra as políticas sanitarias de Feijoo. E Feijoo ten que tomar nota. O goberno conservador ten que recibir a mensaxe da cidadanía para corrixir os seus erros", advertiu o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
"O goberno do PP non pode usar a maioría absoluta que lle deron os cidadáns en contra das persoas deste país. E moito menos converter a enfermidade nun negocio para uns poucos, que é o que está a facer Núñez Feijoo. Insistiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
A mobilización rematou cunha praza da Quintana ateigada de manifestantes que esixiron que os dereitos sanitarios deben ser antepostos aos intereses de empresas privadas que negocian coa saúde.