CRTVG

Buscar

Milleiros de cataláns, 18.000 en Barcelona, conmemoran o referendo do 1-O

Publicado o 02/10/2019 10:15

O independentismo catalán fixo onte un chamamento á desobediencia civil e pacífica ante a inminente sentenza do procés. Durante os actos de conmemoración do segundo aniversario do referendo ilegal do 1 de outubro, milleiros de cataláns participaron nas marchas nas principais cidades.  

Baixo o lema "ímolo facer, imos gañar", e co berro "nin esquecemento nin perdón", a marcha máis multitudinaria foi a convocada pola ANC polo centro de Barcelona, na que participaron segundo a Garda Urbana unhas 18.000 persoas e rematou no instituto Balmes, un dos escenarios das cargas policiais que se viviran o 1 de outubro de 2017.

Houbo marchas nas outras tres capitais de provincia catalás. En Tarragona, en Lleida, baixo o lema "Volverémolo facer", e moi numerosa a de Xirona. Participaron unhas 13.000 persoas con fachos.

Para pechar a xornada conmemorativa, unhas dúas mil persoas segundo a Policía Local e os Mossos, confluíron na prisión de Lledoners. A diferenza do ano pasado, este 1 de outubro discorreu sen altercados, agás o incidente aillado de Xirona pola mañá.

Os partidos independentistas e entidades separatistas preparan a resposta conxunta á sentenza do procés e chamaron a poboación a unírense a actos de desobediencia civil en caso de que sexa condenatoria. O presidente da Generalitat comprometíase a avanzar sen escusas cara á independencia.

"O Goberno da Generalitat de Cataluña comprométese coa radicalidade democrática, co dereito á autodeterminación. Comprométese a avanzar sen escusas cara á república catalá", dicía Torra. 

Ciudadanos solicita unha reunión co presidente en funcións e o Partido Popular reclámalle que aplique as leis que xa están en vigor.

Pablo Casado, presidente do PP: "O PSOE ten que pasar do mitin á acción e, sen máis demoras, tomar medidas, por exemplo, no próximo Consello de Ministros do venres. Cumpra a lei xa. Se quere ser crible e que o tomemos en serio, ademais de ameazar a Quim Torra ten que romper os corenta acordos de goberno que ten con el nos corenta municipios de Cataluña".

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Vólvolle a pedir ao señor Sánchez unha reunión de Estado, non unha reunión entre o PSOE e Ciudadanos, para falar do Estado, de Cataluña, da aplicación e da defensa da Constitución. Aquí non hai siglas, señor Sánchez, non se equivoque, non faga cálculos, saen mal".

Pedro Sánchez advirte de que un goberno en funcións pode aplicar o 155.

"O artigo 155 pódese aplicar cun goberno en funcións sen problema. O que digo é que non quero chegar a ese extremo e que será a firmeza democrática, a unidade de todos os partidos políticos e a proporcionalidade o que guíe a miña resposta en caso de que me vexa obrigado a iso", dicía o presidente do Goberno en funcións. 

Algo que cuestiona o ex-presidente Puigdemont. "En Euskadi houbo mil mortos e non aplicaron o 155", dicía desde Bélxica. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/10/2019