CRTVG

Buscar

Milleiros de camioneiros seguen atrapados en Dover

Publicado o 25/12/2020 21:26

É a viva imaxe da frustración. A de milleiros de camioneiros que pasaron a Noiteboa atrapados no Reino Unido e xa perderon a esperanza de chegar á casa para a cea de Nadal. Moitos levan xa catro días durmindo nos seus vehículos. Os transbordadores non pararon hoxe no porto de Dover, a pesar de que nunca traballan neste festivo. As autoridades británicas anunciaron que todas as conexións con Francia seguirán funcionando estes días para desatrancar a situación.
Dende que apareceu unha nova cepa do coronavirus no Reino Unido, Francia esixe unha PCR a todos os transportistas que queiran entrar no país dende as illas británicas.
A 30 quilómetros do porto de Dover, no aeródromo de Manston, o exército británico e tamén bombeiros enviados por Francia, fan probas día e noite para permitir que os camioneiros poidan chegar ao continente. Pero a testaxe masiva non consegue desfacer o tremendo atasco que se formou estes días en Inglaterra. Mesmo os que xa teñen PCR seguen soportando esperas de horas e ringleiras de moitos quilómetros.

Narración de Peter Streblow, un dos camioneiros que xa pasaron a PCR e seguen atrancados

Entre os 12.000 camións que quedaron retidos no Reino Unido calcúlase que había 1.500 españois e máis dun cento de galegos. Algúns conseguiron volver xa á casa. Outros cearon estes días coa comida que lles repartiron as ONG da zona.

Noticias web

25/12/2020