Milleiros de camineiros seguen atrapados no Reino Unido
O tráfico entre O Reino Unido e Francia reanudouse nas últimas horas, aínda que con moita lentitude. Milleiros de camioneiros seguen atrapados no porto de Dover e no eurotúnel á espera de facer as probas para poder pasar fronteira. Moitos xa se resignan a pasar o Nadal na estrada.
Tras catro noites durmindo no camión e xa sen esperanzas de chegar a tempo á casa para o Nadal, a tensión foi en aumento no porto de Dover, onde se amorean milleiros de camioneiros, dous mil españois. Os que lograban saír do país e pasar fronteira considerábanse afortunados.
O tapón no porto de Dover e no eurotúnel tardará días en despexarse. Desque lles comunicaron que aínda ían ter que aguantar días antes de poder pasar a Francia, os camioneiros tomaron a autoestrada e impediron o acceso ao porto de Dover.
A pesar de que a fronteira se abriu, agora o problema é facer cola para realizar as PCR, imprescindible para poder cruzar o Canal da Mancha.
Fernando Rivero, un dos moitos camioneiros galegos atrapados, explica que "levamos 3 horas aquí facendo ringleira para as probas, para que nos confirmen os billetes e poidamos embarcar. Estamos 30 ou 40 persoas para facer a proba e confirmar o billete".
O colapso ao sur de Inglaterra e no contorno dos postos fronteirizos é total. Os transportistas, atrapados desde o domingo, quéixanse de que o Goberno británico non pon medios para realizar as probas e que apenas lles dan información. Nas últimas horas enviaban o exército para axudarlles aos sanitarios cos tests rápidos.
As asociacións de transportistas denuncian que ter os camións parados supón unha perda para o sector de dous millóns e medio de euros ao día. O Ministerio de Asuntos Exteriores enviou a Dover un cónsul de España para asistir os transportistas e os cidadáns españois atrapados no Reino Unido.