CRTVG

Buscar

A Fiscalía investigará a existencia de anciáns mortos en residencias que descubriu a UME

Publicado o 23/03/2020 20:38

• A ministra de Defensa denuncia que a UME atopou persoas abandonadas e mortas durante a desinfección 

A Fiscalía Xeral do Estado ordenou abrir dilixencias para investigar a existencia de anciáns mortos en residencias cos que convivían outros anciáns, algúns deles enfermos. Foi a Unidade Militar de Emerxencias quen os descubriu durante os labores de desinfección. A Fiscalía pretende determinar a gravidade dos feitos e a súa posible relevancia penal.

A Unidade Militar de Emerxencias comezaba esta semana a traballar na desinfección de residencias de maiores, especialmente sensibles ao ataque do coronavirus. En máis de 70 na comunidade de Madrid, pero non só. Tamén noutras 149 localidades. Foi durante estes labores cando que os militares descubrían unha realidade dramática nalgúns centros de terceira idade, segundo anunciaba a ministra de Defensa.

A ministra non deu datos máis precisos, nin dixo en qué residencias foi nin cantos casos se deron. Pero si asegurou que o Goberno será implacable con quen incumpra a obriga de coidar dos residentes.

A última hora da tarde, a Fiscalía Xeral do Estado emitía un comunicado en que aseguraba que corroborara a través de Defensa a existencia de anciáns residindo en situacións extremas e malas condicións de salubridade, e mesmo convivindo con outros residentes falecidos. E ordenaba a apertura de oficio dunha investigación da que se encargará o fiscal do Supremo Manuel Dolz para determinar a gravidade dos feitos e a súa relevancia penal.


A semana pasada informouse da morte de máis dun cento de anciáns en residencias de toda España. O Goberno asegura que non ten a cifra exacta de vítimas mortais nos centros de terceira idade.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí