CRTVG

Buscar

Miles de persoas piden en Vigo máis persoal e recursos para a atención primaria

Publicado o 30/09/2021 21:54

• A Xunta defende o seu "compromiso incuestionable" coa área sanitaria viguesa con máis persoal e centros de saúde

EFE

Miles de persoas, unhas 20.000 segundo cálculos da Policía Local, responderon este xoves á chamada da Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo e botáronse á rúa para esixirlle á Xunta de Galicia máis persoal e recursos para a sanidade pública, especialmente para a atención primaria.

Dúas pancartas en que se lía "En defensa da sanidade pública" e "A sanidade non se vende, deféndese" encabezaron unha manifestación que contou coa presenza de plataformas procedentes de Oia, A Guarda, Mondariz, Covelo, Tomiño, O Rosal e Cangas, que viaxaron para unirse á de Vigo.

Ao berro de consignas como "Goberne quen goberne, a sanidade non se vende", ou "Feijóo, escoita, a primaria está en loita", os manifestantes partiron do antigo hospital Xeral, descenderon pola Gran Vía e tomaron por Urzáiz ata chegar ao farol de Colón, onde leron un manifesto.

"A atención primaria en Vigo está en perigo extremo, xa que a súa deterioración nos últimos meses a pon ao bordo do colapso", sinalaron nun manifesto final en que esixiron máis persoal de todas as categorías, maior investimento, estruturas de xestión de recursos humanos e orzamento propio, o final ás trabas de accesos ás probas diagnósticas e unha mellora da accesibilidade ás especialidades hospitalarias.

Entre os manifestantes contáronse varios concelleiros do partido socialista e o propio alcalde de Vigo Abel Caballero, que tanto hoxe como onte, mércores, animou á cidadanía a sumarse a unha mobilización ante a "calamitosa" xestión que a Xunta de Galicia fai da sanidade pública.

Tamén contou co apoio de EU e do BNG, cuxa portavoz nacional Ana Pontón chamou esta mañá á cidadanía a defender con "uñas e dentes" a sanidade pública. "Os recortes e privatizacións non empezaron onte, leva doce anos o señor Feijóo empeñado en pór contra as cordas a sanidade pública, e ese proceso acelerouse durante a covid−19", dixo Pontón.

A líder dos nacionalistas subliñou que de toda Galicia, a máis maltratada polos recortes e privatizacións é a área sanitaria de Vigo, "un banco de probas desa política de acoso e derriba do señor Feijóo á sanidade pública que é tanto como dicir pór en risco a saúde dos galegos".

A Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo describiu unha situación moi difícil para os centros de saúde para ofrecer asistencia presencial, cunha masificación das consultas, onde se superan con moito o límite de 30 pacientes ao día e con longas listas de espera; esas condicións xa eran unha realidade antes da pandemia.

Pola súa banda, o Sergas, nun comunicado, sinalou hoxe que a pesar da pandemia continúa avanzando na mellora da atención primaria da área sanitaria de Vigo, como demostra que se desenvolveron durante todos estes meses a maior parte das medidas comprometidas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 para reformar este nivel asistencial.

Lembra o Sergas que no último lustro se crearon 76 novas prazas, o cal supón o maior incremento do cadro de persoal das últimas décadas, e que a media de pacientes por médico xeral é de 1.330, que mellora o cociente das 1.500 recomendadas como obxectivo polo Ministerio de Sanidade para 2022. Engade que se construíron centros de saúde en Oia, Panxón, Tui, Taboada Leal (Vigo), Gondomar, Salceda de Caselas e Bouzas (Vigo), e que antes de que acabe o ano vanse presentar as liñas principais dos primeiros plans locais de saúde. 

Noticias web

30/09/2021