Mil veciños do Grove convocados a un cribado non acoden á cita
Uns mil veciños do Grove non se presentaron ao cribado a que estaban convocados no polideportivo. O alcalde da vila mostrouse decepcionado pola baixa participación na proba dirixida a veciños de 19 a 49 anos: só acudiron o 62 % dos citados.
O rexedor di que a situación é "moi mala", xa que comezou a semana con 46 casos e este domingo están en 74.
Asegura que percibe o medo entre a poboación e que a situación é cando menos delicada. Coa localidade pechada perimetralmente e a hostalaría condenada á clausura total, xa que só poden realizar entregas para levar, a normalidade está lonxe.
Así, di non entender os datos de participación no cribado realizado o venres e o sábado no pavillón vello de Monte da Vila. Convocadas 2.600 persoas só fixeron a proba 1.612. A participación foi do 62 %. Pola contra, na comunidade educativa do Grove, nos centros realizouse un 90 % das probas previstas.