Miguel Temboury (Endesa): "En ningún caso Endesa abandona As Pontes"
"Garantimos o emprego de todos os traballadores da central e temos o compromiso de axudar a todas as empresas auxiliares".
O director territorial de Endesa, Miguel Temboury, asegura que a posición da empresa respecto das Pontes ante o futuro da localidade tras anunciar o peche da central de carbón "non ten nada que ver" coa doutras industrias que operan en Galicia.
Nunha entrevista no espazo Bos días, Temboury asegurou que "en ningún caso Endesa abandona As Pontes". Referiuse en concreto ao proxecto da enerxéntica de acometer neste municipio un proxecto para construír unha planta de hidróxeno "verde" con seis parques eólicos asociados que xerarían 1.500 MW. Segundo explicou, "1.000 deles xeraríanse nas proximidades das Pontes, nun radio de 40 quilómetros.
Segundo Temboury, as "dificultades técnicas e ambientais" detectadas para substituír o carbón por unha planta de biomasa implicarían "un investiimento tan grande que non sería competitiva".
Negou as acusacións de ter actuado de mala fe ter tomada a decisión do peche antes de realizar estas probas.
"Houbo unha mesa de diálogo coas administracións local, autonómica e central desde o principio, onde se traballou con discrepancias ás veces pero con lealdade, e temos que seguir así", dixo.
O proxecto da planta de hidróxeno verde suporía, segundo detallou, a creación de 1.700 empregos durante a construción da factoría que, para o seu funcionamento crearía 130 empregos estables.
Para iso, dixo Temboury, prevén un investimento de 700 millóns e "precísanse axudas".
As Pontes está "nunha boa posición de partida polo proxecto e porque é unha zona afectada pola transición ecolóxica. "Hai unha aposta clara polo hidróxeno verde por parte da UE e do Goberno", concluíu, para "apoiar un sector eléctrico baseado en renovables.