CRTVG

Buscar

Miguel Tellado: "Non hai Partido Popular fóra do PP"

Publicado o 22/03/2019 11:39

O secreario Xeral do PPdeG, Miguel Tellado, (Ferrol, 1974), asegura que nestes momentos "hai motivos para saír á rúa para pedir o voto para Pablo Casado e o PP e contra PSOE e de Pedro Sánchez. "Tamén en clave galega", afirmou no programa Bos días.

Sobre a apelación aos votantes para que non se deixen seducir por outras opcións, Tellado apela ao voto útil, "e cando falamos de voto útil -afirmou- do que falamos é de garantir a gobernabilidade". Para el Galicia é un exemplo diso e cre que se hai unha fragmentación do voto a gobernabilidade non será doada. 

En canto a outras opcións políticas quixo deixar claro que "non hai PP fóra do PP" e "só o voto directo ao Partido Popular permite que goberne o PP". O secretario xeral dos populares galegos dixo que "se o voto se fragmenta o beneficiado será a esquerda e a extrema esquerda". Nunha clara alusión aos simpatizantes de Vox, dixo que "seguro que ningún dos seus votantes potenciais queren que goberne Pedro Sánchez" e por iso fixo un chamamento ao que dixo é un "voto útil e responsable".

En canto a posibles pactos de futuro coa formación de Abascal, Tellado dixo que "o PP non ten nada que ver con VOX. Somos partidos distintos, con propostas distintas", afirmou. E que despois das eleccións "haberá que escoitar á cidadanía e ver a composición do Congreso" e "se non é posible gobernar, pactaremos pero desde as nosas propostas, cun proxecto de centro, centrodereita, reformista", concluíu.

Alcoa

Respecto á situación de Alcoa, Miguel Tellado dixo que "o borrador do estatuto electrointensivo é insuficiente para as industrias do noso país" e dirixiu as súas críticas cara ao Executivo central, xa que "levamos meses falando deste tema sen que o Goberno de Pedro Sánchez ofrecese solucións".

"A Galicia sempre lle foi mal cando gobernaron os socialistas en materia industrial", dixo Tellado para quen, poñendo exemplos comos os das fragatas que se deben construír nos estaleiros de Ferrol ou o complexo de Meirama, "estamos vendo como este Goberno é unha ameaza para a nosa industria".

Sanidade

Respecto ao debate arredor da sanidade pública, Tellado dixo que "en termos xerais, temos unha sanidade magnífica, pero é verdade que agora se poden facer novas cousas e mellorar, especialmente a Atención Primaria".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/03/2019