CRTVG

Buscar

Miguel Tellado: "Os partidos da oposición o que pretendían era someter a Galicia a sete meses de campaña"

Publicado o 11/02/2020 12:03

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, asegurou no Bos días que non agardaba sorpresas respecto á candidatura de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta: "Hoxe celebramos a xunta directiva do PPdeG e será nese foro onde o presidente do partido anunciará a súa decisión. Pero a Feijóo sempre que se lle preguntou sempre elixiu Galicia", afirmou.

Tellado afirmou que os comicios van ser en clave galega: "Eu creo que estas eleccións se convocan pensando en Galicia, no que máis e mellor lle convén. Os partidos da oposición o que pretendían era someter á nosa comunidade a sete meses de campaña, e o importante é aforrar ese tempo, e que a inicios do mes de maio xa haxa un novo goberno constituído para afrontar os retos que ten Galicia".

O secretario xeral dos populares galegos dixo que el non cre que Feijóo sufra un desgaste por tantos anos á fronte da Xunta: "Nós cremos que temos unha folla de servizo impecable. Dez anos en que Galicia estivo blindada ante a crise. Cremos que agora non se pode poñer en risco todo iso. Galicia é unha comunidade estable, solvente e rigorosa. En fronte o que temos é inestabilidade, como vemos no Goberno de Sánchez".

Noticias web

11/02/2020