Miguel Otero: "A débeda é moito menor do que nos contaban"
O Deportivo non necesita ser vendido. Esa é a opinión de Miguel Otero, membro do Consello de Administración desde que entrou o equipo de Fernando Vidal en xaneiro. Otero estudou as contas durante o confinamento.
Miguel Otero: "A débeda é moito menor do que nos dixeran. O club é viable incluso en Segunda B. Ten que afrontar en dez anos moito menos da metade dos 98 millóns de que falou o presidente".
O estado de alarma impediu realizar en marzo a Xunta extraordinaria que debía aprobar a ampliación de capital. O proceso culminará coa asunción por parte de Abanca de 35 millóns de euros de débeda, o cal converterá a entidade financeira en máximo accionista. Miguel Otero considera que todo está baseado nunha auditoría errónea.
Miguel Otero: "Estrañaríame moito que se os auditores tivesen acceso a todos os datos dos últimos dez anos ofrecesen a mesma opinión".
Miguel Otero, durante anos presidente das peñas do Deportivo e próximo a Lendoiro, expuxo as súas conclusións ao resto do Consello e ao presidente.
Miguel Otero: "Mandoume un correo electrónico para felicitarme polo informe".
Otero di que o Consello non recúa, que axiña será convocada esa xunta extraordinaria pendente e que se os accionistas non o impiden o Deportivo deixará de pertencer á súa masa social, ao seu xuizo, innecesariamente.