CRTVG

Buscar

Miguel Corgos toma posesión como conselleiro de Facenda

Publicado o 18/10/2021 10:24
Miguel Corgos toma posesión como conselleiro de Facenda

EFE/Lavandeira jr.

Miguel Corgos, o novo conselleiro de Facenda, tomou posesión do seu novo cargo ás 09:45 da mañá deste luns. Corgos é o substituto do falecido Valeriano Martínez. Leva na Dirección Xeral de Orzamentos desde o 2009. 

Corgos é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña. Ademais, ten un mestrado en Administración Financeira e Tributaria e un posgrao en Auditoría de Contas.

A súa elección representa unha aposta pola continuidade e polo perfil técnico. Foi director xeral de Orzamentos desde o primeiro Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Esa experiencia é un dos seus mellores avais.

Corgos tomou posesión do seu cargo de conselleiro de Facenda o día en que a Xunta ten previsto aprobar o proxecto de orzamentos para o ano que vén, unhas contas en que el asumiu un papel crucial. Nas súas primeiras declaracións, quixo facer unha lembranza a Valeriano Martínez, co que traballou os últimos sete anos. O novo conselleiro agradeceulle a Feijóo a confianza que depositou nel, ao seu equipo técnico e a súa familia.

Entre as liñas técnicas que vai adoptar como conselleiro destacou que vai apoiar as consellerías que melloren o progreso da comunidade e garantirá a sustentabilidade financeira de Galicia. Destacou que hai retos moi interesantes e transcendentais, como a negociación do sistema de financiamento e dos programas operativos plurianuais.

Noticias web

18/10/2021