CRTVG

Buscar

Miguel Corgos tomará posesión do seu cargo como conselleiro de Facenda o luns

Publicado o 16/10/2021 13:12

• Desde 2009 ocupa o cargo de director xeral de Planificación e Orzamentos

Miguel Corgos tomará posesión do seu cargo como conselleiro de Facenda o luns

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asinou no día de hoxe o decreto polo que nomea como novo conselleiro de Facenda e Administración Pública a Miguel Corgos López-Prado. Desde 2009, ocupa o cargo de director xeral de Planificación e Orzamentos do mesmo departamento.

O novo conselleiro tomará posesión do seu cargo o vindeiro luns, 18 de outubro, tras a publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG). 

Miguel Corgos López-Prado (A Coruña, 1971) é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña (UDC). Tamén ten un mestrado en Administración Financeira e Tributaria pola UDC e un posgrao en Auditoría de Contas (UDC-REA).

Fixo o curso da escala superior de finanzas na especialidade de intervención (Xunta de Galicia), o de escala superior de finanzas na especialidade de inspección e xestión tributaria (Xunta de Galicia) e ten o Diploma de directivo da Xunta de Galicia (Escola Galega de Administración Pública).