CRTVG

Buscar

Microempresas e hostalería poden solicitar axudas a partir deste venres

Publicado o 26/11/2020 14:59

Unha das axudas que se poderá solicitar a partir de mañá é para microempresas e autónomos de calquera sector con persoal contratado. Poderán optar a apoios de ata 5.000 euros, sempre que acrediten un ERTE desde a delaración do estado de alarma e unha baixada na facturación de polo menos o 45% respecto do ano anterior. A cambio comprométense a manter os empregos seis meses.

A outra liña de axudas que se activa este venres é para a hostalería. Poden beneficiarse autónomos, microempresas e pemes afectadas polo peche obrigado dos locais. A axuda será de 1.500 euros por cada mes coa persiana baixada e de 2.000 ao mes se son empresas de dez ou máis traballadores.

Feijóo lembra que este sector pode acumular todas as axudas. "Isto totaliza un mínimo de 6.700 euros e un máximo de 9.200 euros. Isto sitúa Galicia á cabeza de indemizacións ao sector da hostalería de toda España", defende o presidente.

A Xunta prevé que todas as axudas do plan de rescate de microempresas e hostalería empecen a cobrarse en decembro.

Noticias web

26/11/2020