CRTVG

Buscar

México chega a novo pico diario de contaxios de COVID-19

Publicado o 19/06/2020 07:44
México chega a novo pico diario de contaxios de COVID-19

México alcanzou este xoves un novo pico diario de casos da COVID-19. Cos 5.662 contaxios notificados, suma 165.455 desde o inicio da pandemia e chega a 19.747 decesos cos 667 rexistrados nas últimas 24 horas.

As autoridades sanitarias mexicanas sinalaron que os casos acumulados se incrementaron nun 3,5 % en relación cos 159.793 contaxios que se contabilizaron ata a véspera.

México é o terceiro país de América con máis mortes por causa do coronavirus SARS-CoV-2, despois dos Estados Unidos e do Brasil, e ocupa o quinto lugar en casos confirmados, por detrás dos Estados Unidos, do Brasil, O Perú e Chile, de acordo coa Organización Panamericana da Saúde (OPS).

Os contaxios notificados este xoves representan a cifra máis alta para un só día, despois dos 5.222 casos que as autoridades de Saúde deron a coñecer o pasado 12 de xuño.

A cifra de mortes creceu en 667 casos nun día, o 3,4 %, ao pasar dos 19.080 do mércores aos 19.747 deste xoves. A maior cantidade de defuncións rexistrada nun só día foi de 1.092 o pasado 3 de xuño.

As autoridades sanitarias confirmaron que 1.868 defuncións ocorridas nos últimos 15 días e anteriores están en espera dunha análise de laboratorio para determinar se foron causadas polo virus SARS-CoV-2.

O director de Epidemioloxía do Goberno de México, José Luis Alomía, dixo ao presentar o informe técnico diario, que no seu país se someteron a estudos clínicos un total de 453.481 persoas, das cales 228.248 deron un resultado negativo.

Ademais, hai 59.778 casos sospeitosos que están á espera do resultado de laboratorio para coñecer se o coronavirus foi a causa da súa enfermidade.

Alomía reportou a ocupación de 11.202 das 24.242 camas xerais preparadas para pacientes de  COVID-19 que non están en condición de extrema gravidade, e de 3.328 das 8.464 camas de terapia intensiva que ten a rede xeral de hospitais, integrada por 780 centros.

México comezou a etapa da denominada "nova normalidade" o pasado 1 de xuño, e esta semana 16 dos seus 32 estados están clasificados en risco alto e os outros 16 en risco medio, de acordo ao semáforo epidemiolóxico utilizado polas autoridades sanitarias para o desenvolvemento de actividades.

A Cidade de México e o Estado de México representan as entidades territoriais coa maior incidencia de casos confirmados e defuncións, segundo as autoridades do país.