CRTVG

Buscar

Metro e medio, máscara e control sanitario: o BOE detalla a pospandemia

Publicado o 10/06/2020 09:22
Metro e medio, máscara e control sanitario: o BOE detalla a pospandemia

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o Real decreto-lei que detalla as medidas de obrigado cumprimento para a denominada nova normalidade, un período en que as medidas de hixiene, distancia social e protección serán prioritarias para a volta ao funcionamento de todos os sectores que foron restrinxidos durante o estado de alarma e tamén para o levantamento das restricións de mobilidade.

Así, volverá estar permitido o movemento por todo o Estado.

O establecemento da distancia de seguridade fíxase en 1,5 metros e, en caso de que non  fose posible, mantense a obrigatoriedade do uso da máscara para todas as persoas maiores de seis anos, con multas previstas de ata 100 euros para quen non respecte esta norma.

As comunidades autónomas deberán coordinar os centros residenciais de maiores ou persoas con discapacidade cos centros sanitarios.

Así mesmo, a COVID-19 será de declaración urxente, coa obrigatoriedade para as administracións autonómicas de subministraren a información que facilite o seguimento dos casos.

Establécense, así mesmo, medidas para que as empresas de transporte de viaxeiros poidan ter a trazabilidade dos usuarios se xorden casos. Nos aeroportos e portos estableceranse controis sanitarios.