CRTVG

Buscar

Messi marca tres ante Bolivia e supera a Pelé como máximo goleador de seleccións suramericanas

Publicado o 10/09/2021 12:58

Unha perna tapa á outra e Messi revirou o seu verán horribilis coa marcha de Barcelona aprobando con nota a materia pendente da selección. O arxentino callou, por fin, unha actuación desas monumentais que quitan aos seus paisanos de visitar tanto o psicólogo.

Foi no estadio Monumental e marcándolle tres goles a Bolivia. No un a cero, minuto 14, cano a Luis Haquín na frontal da área boliviana e manobra de acomodo clásica do rosarino. Fai foco e lanza á porta metendo o balón na gaiola polo espazo en veda para o porteiro Carlos Lampe. Con este gol Messi igualaba a Pelé como máximo goleador dunha selección suramericana, pero quixo máis.

A marca de O rei caeu como froita madura polo propio peso da ambición no minuto 64 de partido. Os arxentinos montan un ataque combinado en que lle esconden a pelota á defensa boliviana e, xa dentro da área, Messi apoiándose en Lautaro acaba beneficiado por un rexeitamento. Resolve cun repenique de pernas e o golpe seco ao balón coa dereita.

Montado ao lombo dun fito histórico e mirando a Pelé pola popa quixo máis o ex do Barça e completou a súa tripla de dianas a dous minutos do final. Pelotazo de Paredes dende o semicírculo con toda Bolivia metida no tobo e lasca de balón que o porteiro deixa aboiando. Messi, depredador, despacha o evento co seu santo e máis o seu sinal: Messi 79, Pelé 77.    

 

 

Noticias web

10/09/2021