CRTVG

Buscar

O Celta despídese da Copa cunha contundente derrota ante o Barça

Publicado o 12/01/2018 22:42

Nunha noite irrecoñecible do Celta. Sen crear en ataque e concedendo en defensa. Bastaron Messi e Jordi Alba para deixar en evidencia un equipo sen alma e sen garra.

Messi-Alba, sociedade nada anónima para matar a un Celta que onte foi unha cooperativa de socorro mutuo. No minuto doce o lateral serve a Messi no miolo da área e o arxentino resolve a gol arrancando a goleada. 

Pasaran dous minutos do primeiro cando Sergio encaixa noutra comandita de socios preferentes entre Alba e Messi na que volve ser o rosarino quen acaba embutindo o coiro na rede da porta celeste. A defensa do Celta, coas bombas de achique apagadas, recibe o trebón sen máis recurso que tapar os ollos.

Encaixa o terceiro da conta nun cambio de roles entre os dous de sempre. Agora é o arxentino quen lle pon a pelota ao pé a Alba cun pase maxistral no que calcula todo: a carreira, o punto de contacto, a velocidade xusta e a precisa postura do remate que bate a Sergio.

A eliminatoria xa ía daquela polo sumidoiro, pero ao primeiro tempo aínda lle quedaba máis tortura para os vigueses; o cuarto: agora de Luis Suárez rematando dentro da área ao seu aire e poñendo o redondo na escadra dereita. Para despois do descanso quedaba un quinto. 

Saen uns, entran outros, e o gol que define un partido: balón quieto, defensa estática, serve Dembelé e remata Rakitic de cabeza, de boi solto e ben lambido, sen máis oposición ca o suspiro de saber que ao partido so lle quedaban daquela catro minutos escasos. Tan escasos e ínfimos coma onte foi o Celta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/01/2018