CRTVG

Buscar

Debate sobre a violencia machista: "Aínda falta sensibilización suficiente na contorna das vítimas"

Publicado o 25/11/2019 10:58

O apoio social ás vítimas de violencia de xénero é fundamental e non hai aínda unha sensibilización suficiente no seu entorno.

Os especialistas en violencia de xénero que participaron na mesa redonda do Bos días no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, coinciden en que é fundamental que a vítima de violencia de xénero conte con apoio no momento de presentar a denuncia porque o prodecemento xudicial é duro e longo.

"Se a muller non fai a denuncia é imposible acabar con isto dalgunha maneira", di Sara Ferreiro, avogada e membro da Asociación de Mulleres empresarias galegas.

"Pero hai que entender que cando unha persoa está minguada psicoloxicamente non encontra as ferramentas axeitadas para enfrontarse a unha situación tan díficil como é poñer unha denuncia e todo o proceso que ven despois. As persoas que estamos no eido social sabemos que o mellor é denunciar cunha información previa, cos recursos legais e cun apoio psocolóxico desde o primeiro momento", di Belén Liste, subsecretaria xeral para o tratamento da violencia de xénero.

A pesar da progresiva sensibilización social, a análise da realidade evidencia que aínda queda moito por andar: "As vítimas do ano pasado, no 80% dos casos non se tiña noticia de que esa muller estaba sendo vítima de violencia de xénero. Malia estar na axenda política e dos medios de comunicación segue existindo unha falta de compromiso, de comprensión e de sensibilización, porque hai vítimas que non van dar ese paso nunca; necesitan o apoio da súa contorna", recalca Miguel Ángel Carracedo, xefe da UFAM da Policía Nacional.

"A idea que debe calar na sociedade é que desde o momento que se presenta a denuncia, se despregan unha serie de medidas e e se adoptan unha sere de solucións que van protexer a vítima; o despregamento de medios tanto policiais coma xudiciais é amplísimo. É fundamental que cale esa idea tanto entre os familiares como a vítima", resalta a avogada Sara Ferreiro.

En Galicia existe unha Lei especifica que permite que a muller poida acceder a medidas de apoio sen necesidade de que haxa unha denuncia previa. Os informes dos servizos sociais, de orientación educativa ou de atención primaria son vías para acceder a esas medidas.

Os participantes na mesa redonda do Bos Días insistiron na necesidade de ir á orixe do problema.

"Non se pode pode normalizar o uso da violencia, como vía de resolución de conflitos", di Mari Luz Losada, coordinadora do programa de atención a vítimas de violencia de xénero do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

Neste sentido, recalcan a eficacia de programas de reeducación como 'Abramos el círculo', do Colexio de Psicologos, en que participaron voluntariamente 86 homes en 2018 co obxectivo de canalizar doutro xeito as suas condutas irascibles e violentas.

"Creo que temos que investir moito máis en prevención, a educación é clave. é un camiño de longa distancia porque hai que cambiar as estruturas de pensamento", di Belen Liste.

Todos os participantes na mesa lamentan a ruptura do consenso político pola aparición de partidos que non recoñecen a existencia da violencia de xénero, pero consideran que son propostas que non teñen futuro porque as medidas adoptadas no Pacto de Estado están empezando a aplicarse e na loita contra a violencia de xénero non hai volta atrás.

"Preocúpanme estas actitudes de retroceso. Se incluímos a violencia de xénero na violencia intrafamiliar estaremos falando de que o 85% desa violencia, que é violencia de xénero quedaría absolutamente invisibilizada. Non se pode permitir isto e non o imos permitir", advirte Belén Liste.

"Non pode ser que polo feito de ser muller, de ser moza corras máis perigos... Non, trátase de respecto, de respecto entre persoas e de ter os mesmod dereitos e as mesmas capacidades de acción en todos os ámbitos", di Mari Luz Losada.

"A loita contra a violencia de xénero veu para quedar; outra cousa é como o afrontemos, porque é unha realidade complexa, pero quen non se sume vai quedar descolgado e mesmo penalizado", recalca Ángel Carracedo.

 

Noticias web

25/11/2019