CRTVG

Buscar

Goberno e Generalitat acoden á mesa de diálogo desde posicións antagónicas

Publicado o 26/02/2020 09:04

• Pablo Iglesias non asiste, afectado por unha amigdalite

Goberno e Generalitat celebran esta tarde a primeira reunión da mesa de diálogo na Moncloa. Unha xuntanza á que ambas partes acoden desde posicións antagónicas. Mentres o Executivo mantén que o importante é comezar a falar sobre os puntos nos que coinciden, o govern catalán insiste en que vai levar á mesa o dereito de autodeterminación, a amnistía e a fin da represión. A Generalitat incluíu na mesa dúas persoas que non están no Executivo.

A cita será ás catro e media na Moncloa. Pola parte do Goberno, canda Pedro Sánchez e a vicepresidenta Carmen Calvo, Pablo Iglesias non acudirá finalmente por unha amigdalite, estarán na mesa cinco ministros: os de Facenda, Transportes, Sanidade, Universidades e Política Territorial. O Executivo é consciente de que parten de posicións antagónicas e que o diálogo é o único camiño para solucionar un conflito enquistado.

Carmen Calvo, vicepresidenta primeira do Goberno: "Este Goberno progresista está na antítese das posicións independentistas, pero tamén é verdade que só se pode avanzar empezando. E iso significa que hai que empezar encontrándonos".

Neste primeiro encontro, a delegación catalá estará presidida polo president Torra, ademais do vicepresidente Pere Aragonés e dous consellers. Pero ademais dos deputados Elsa Artadi e Marta Vilalta, estarán na mesa de diálogo Josep Rius, ex-xefe de Gabinete de Puigdemont e Torra, e Josep María Jové, ex-secretario de Economía da Generalitat e imputado polo 1 de outubro.

Desde o Goberno réstanlle importancia a que a Generalitat inclúa na mesa xente que non está no govern.

Pablo Iglesias, vicepresidente segundo do Goberno: "Hai que ser respectuoso coas delegacións que establece cada goberno".

Non hai unha orde do día pactado, e ambas partes rebaixan as expectativas ante este primeiro encontro. O Goberno central insiste en que comezarán dialogando coa Generalitat polos puntos nos que coinciden, esperando apartar temas discrepantes como as esixencias independentistas. Pero desde o Govern catalán teñen moi clara a proposta que van levar á mesa.

Meritxell Budó, voceira da Generalitat. "A proposta da parte catalá pasa por exercer o dereito á autodeterminación, pola fin da represión a través dunha lei de amnistía e a fin da xudicialización da política. E tamén poremos sobre a mesa a necesidade da figura do mediador como garante en todo aquilo que se vaia acordando nesta mesa de negociación".

A oposición acusa a Pedro Sánchez de branquear delincuentes condenados por seguir na Moncloa.

Cayetana Álvarez de Toledo, voceira do Grupo Popular no Congreso: "O que busca esa mesa é branquear os delicuentes e branquear o Goberno. Pedimos que non se convoque porque é unha afrenta á Constitución e á convivencia entre españois".

 

Noticias web

26/02/2020