CRTVG

Buscar

Mes e medio sen pistas do paradoiro de María Chico, desaparecida en Enfesta

Publicado o 26/09/2021 13:28

María Chico, de 76 anos e residente na Alemaña, desapareceu hai case un mes e medio na parroquia compostelá de Enfesta. Foi vista por última vez moi preto da vivenda onde cada verán pasa as vacacións. Despois deste tempo, a súa familia agarda expectante calquera pista que axude a dar co seu paradoiro.

A sobriña, Begoña Leis, repite moitas veces o traxecto que fixo a súa tía xusto antes de desaparecer o día 7 de agosto. A muller cruzaba desde a súa casa para recoller os netos na vivenda da sobriña. Cando os pequenos saíron, tomou o camiño equivocado e perdeuse por esta pista forestal.

Desde o momento da desaparición estableceuse un dispositivo de busca, que non deu ningún resultado. Un veciño da parroquia de Enfesta afirma que viu a María Chico camiñando por unha estrada próxima que pasa por baixo dun viaduto da autoestrada. Xusto alí é onde os cans da Policía Nacional detectaron por última vez o seu rastro.

María Chico tiña problemas de orientación causados pola demencia que padece. De feito, xa sufrira un episodio semellante na Alemaña, onde reside. Ela adoitaba pasar as vacacións de verán en Galicia, na casa familiar.

Noticias web

26/09/2021