CRTVG

Buscar

Merkel volve sufrir un visible tremor corporal nun acto en Berlín

Publicado o 27/06/2019 11:49

A chanceler alemá, Angela Merkel, volveu sufrir esta mañá un visible tremor nas mans e nas pernas durante o acto celebrado no palacio de Bellevue, en Berlín. Merkel atopábase na sede da Presidencia do país para asistir ao acto de cesamento ante o xefe do Estado, Frank-Walter Steinmeier, da xa ex-ministra de Xustiza alemá Katharina Barley, que se marcha a Bruxelas, e ao nomeamento da súa sucesora, Christine Lambrecht.

Nas imaxes difundidas polas cadeas alemás pódese ver como a chanceler, que o próximo 17 de xullo fará 65 anos, trata de conter os tremores e pouco despois rexeita un vaso que lle ofrece un asistente.

A semana pasada Merkel tratou de restar importancia ás especulacións desatadas sobre o seu estado de saúde tras un episodio similar ao de esta mañá, cando intentou controlar un tremor de mans e pernas mentres recibía o presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, de visita de traballo en Berlín.

As imaxes da chanceler baixo o sol, con sinais de debilidade física e suxeitando repetidamente as mans para tratar de acougar o tremor, durante aproximadamente medio minuto e mentres soaba o himno alemán, convertéronse rapidamente en obxecto de comentarios nos medios alemáns. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Noticias web

27/06/2019