CRTVG

Buscar

Merkel advirte: "Esta pandemia é a maior proba á que se enfronta a UE desde a súa fundación"

Publicado o 06/04/2020 17:52
Merkel advirte: "Esta pandemia é a maior proba á que se enfronta a UE desde a súa fundación"


A chanceler alemá, Angela Merkel, afirmou este luns que o seu país aposta por unha resposta conxunta da UE á pandemia do novo coronavirus que non contemple os denominados coronabonos. Na súa primeira comparecencia pública tras a corentena, a chanceler indicou que a proposta que Alemaña leva ao Eurogrupo deste martes consta de tres puntos: o Banco Europeo de Investimentos (BEI), o novo programa Sure da Comisión Europea (CE) e o Mecanismo Europeo de Estabilidade ( MEDE).

Este último é unha liña de crédito preventiva con condicións reforzadas que aínda non foi usada e que permite prestar ata o equivalente ao 2 % do produto interior bruto (PIB) do país que o solicite. No caso de España serían ata 25.000 millóns de euros. Merkel destacou que esta opción implica "pouca condicionalidade", porque, segundo a proposta sobre a que traballa o Eurogrupo, a supervisión limitaríase a que os fondos se destinen exclusivamente á resposta económica e sanitaria á crise e ao respecto ás regras fiscais europeas. A chanceler dixo tamén que esta opción achega "seguridade para todos", nunha referencia implícita á principal razón pola que Berlín se opón aos coronabonos, as garantías comúns dunha posible emisión de débeda conxunta.

A chanceler aproveitou para sinalar, como repetiu en múltiples ocasións durante a crise da débeda, que "a Alemaña só lle irá a longo prazo ben se a Europa lle vai ben" e que é "en interese de todos, tamén de Alemaña, que a UE saia fortalecida desta crise". Agregou que a pandemia da COVID-19 é "a maior proba" á que se enfronta a UE desde a súa fundación e que Berlín desexa "máis Europa" e "unha Europa máis forte e operativa en todas as súas partes, os estados membros". 

A chanceler alemá dixo este luns que, cando pase a crise da pandemia do coronavirus, será necesario abordar as capacidades estratéxicas que a Unión Europea (UE) debe manter, tras referirse ás dificultades de acceso a máscaras para a poboación. "Despois da crise teremos unha discusión sobre as capacidades estratéxicas que necesita a UE", dixo Merkel, quen aludiu á importancia de garantir a "soberanía" nese ámbito tanto de Alemaña como do conxunto dos Vinte e sete.

Noticias web

06/04/2020