CRTVG

Buscar

Merkel e Macron proporán un fondo de 500.000 millóns para reconstruír Europa

Publicado o 18/05/2020 18:44

O presidente francés, Emmanuel  Macron, e a chanceler alemá, Angela Merkel, van propor a creación dun fondo europeo de 500.000 millóns de euros para a reconstrución, a destinar aos países máis castigados pola pandemia.

Foi ao termo dunha reunión virtual cando a líder alemá anunciou esta proposta, como iniciativa conxunta do eixe franco-alemán. Esta é, segundo Merkel, unha "resposta curta" á crise derivada da pandemia, á que seguirá unha "resposta longa" para afrontar as consecuencias a máis longo prazo. Recoñeceu que hai países da Unión Europea máis afectados que outros. 

A chanceler instou a actuar "de maneira europea", ao tempo que alertou de que as circunstancias actuais "poñen en perigo a unidade" da UE. O obxectivo é que da crise actual saia unha Unión Europea "forte e unida", e engadiu que o fondo proposto este luns é unha cantidade inicial para contrarrestar as consecuencias da pandemia nun primeiro momento, pero que o seu alcance será maior.

Macron dubida de que a corentena en España sexa "o máis eficaz nin o máis realista"         

 O presidente de Francia,  Emmanuel  Macron, expresou este luns as súas dúbidas de que a corentena decretada por España para calquera viaxeiro procedente do estranxeiro sexa "a medida máis eficaz nin máis realista" desde o punto de vista sanitario. 

"España decidiu impoñer medidas de control regulamentarias, nós faremos o recíproco, nada máis", engadiu o mandatario. "Desde un punto de vista sanitario, non estou seguro de que a medida sexa a máis eficaz nin máis realista", dixo Macron nunha conferencia de prensa coa chanceler alemá, Angela Merkel.