Merkel e Macron proporán un fondo de 500.000 millóns de euros para a reconstrución

O presidente francés, Emmanuel Macron, e a chanceler alemá, Angela Merkel, van propoñer a creación dun fondo europeo de 500.000 millóns de euros para a reconstrución, que destinarán aos países máis castigados pola pandemia.
Foi ao termo dunha reunión virtual co presidente francés, cando a líder alemá anunciou esta proposta, como iniciativa conxunta do eixo franco-alemán. Esta é, segundo Merkel, unha "resposta curta" á crise derivada da pandemia. Seguiralle unha "resposta longa" para afrontar as consecuencias a longo prazo.
"Todo ten que facerse dentro das regras orzamentarias" da Unión Europea, advertiu a chanceler, e engadiu que a aplicación das medidas futuras no ámbito do combate das consecuencias da pandemia da Covid-19, poderá requirir, ademais, dunha reforma dos Tratados comunitarios.
A chanceler instou a actuar "de maneira europea", ao tempo que alertou de que as circunstancias actuais "poñen en perigo a unidade" da UE. O obxectivo é que da crise actual saia unha Unión Europea "forte e unida", e engadiu que o fondo proposto este luns é unha cantidade inicial para contrarrestar as consecuencias da pandemia nun primeiro momento, inidcando que o seu alcance será maior.
Macron dubida de que corentena en España sexa "o máis eficaz nin máis realista"
O presidente de Francia, Emmanuel Macron, expresou este luns as súas dúbidas de que a corentena decretada por España para calquera viaxeiro procedente do estranxeiro sexa "a medida máis eficaz nin máis realista" desde o punto de vista sanitario.
"España decidiu impoñer medidas de control regulamentarias, nós faremos o recíproco, nada máis", engadiu o mandatario. "Desde un punto de vista sanitario, non estou seguro de que a medida sexa a máis eficaz nin máis realista", dixo Macron nunha comparecencia de prensa coa chanceler alemá, Angela Merkel.