CRTVG

Buscar

Merkel e Macron enfrían as expectativas de éxito no cumio da UE

Publicado o 19/07/2020 16:24

Terceiro día de negociacións, pero todo segue estancado. Tras varios plenarios no cumio europeo e numerosas xuntanzas bilaterais e a varias bandas constatábanse a parálise e os atrancos por parte dos denominados países frugais. Persisten as diverxencias sobre as cantidades do fondo de recuperación económica e sobre os mecanismos de control.

A chanceler alemá, Angela Merkel, facía esta mañá unhas declaracións contemporizadoras sinalando que "hai moita vontade de acordo". Logo viñan os matices: explicou tamén que "hai moitas posicións diferentes" e que "é posible que hoxe non haxa resultados"

O plenario do cumio comezou con notable demora, despois das doce do mediodía, a hora prevista, porque se negociou intensamente en varias reunións. Merkel reuniuse co presidente francés e tamén cos opresidentes do Consello e da Comisión Europea. O propio Emmanuel Macron expresaba a súa vontade de facer todo o que estea nas súas mans para lograr un acordo. Pero matizaba que "non será a costa de sacrificar a ambición europea". É dicir, que non será aceptando un acordo de mínimos e poñéndose de xeonllos ante os países frugais e, particularmente, ante Holanda, que enarbora a bandeira da inflexibilidade.

E en medio de todo isto, que di Mark Rutte, o primeiro ministro holandés no que se pousan todas as miradas? Segue esixindo unha revisión das cantidades do fondo, pero sobre todo un férreo control do que fará cada país non só cos cartos percibidos, senón cunha serie de reformas de calado. Non hai que esquecer que Rutte lle esixía a España e Italia esta mesma semana reformas laborais e das pensións para poder acceder ás axudas.

Nun contexto de posicións tan encontradas. todo parece indicar que non haberá resposta rápida á crise económica e que calquera solución deberá agardar ata setembro. Pero algún analista indicaba que nos cumios europeos non pode descartarse o efecto sorpresa e a estas alturas a iso se aferran os máis optimistas.

Noticias web

19/07/2020