CRTVG

Buscar

Merkel descarta os coronabonos, pero reitera que "Alemaña quere ser solidaria"

Publicado o 20/04/2020 16:58

A chanceler de Alemaña, Angela Merkel, instou este luns a buscar mecanismos comunitarios para axudar aos países da Unión Europea (UE) máis afectados pola pandemia dentro dos actuais tratados, e descartou así implicitamente opcións como a de poñer en marcha os chamados coronabonos.

Merkel indicou en conferencia de prensa que calquera solución que "non estea dentro dos tratados" implicaría a elaboración dun novo texto comunitario que levaría "dous ou tres anos", cando as axudas se precisan de maneira inmediata.

A chanceler subliñou, non obstante, que "Alemaña quere ser e será solidaria" nestes momentos de crise, á vez que agregou: "Dóeme case ter que repetilo".

España non renuncia á débeda mutualizada

O Goberno español ve unha posibilidade de que a UE acorde nun mecanismo de mutualización de débeda que permita mobilizar fondos para facer fronte á pandemia de COVID-19, aínda que non sexa estritamente a emisión de débeda conxunta (os chamados coronabonos ou eurobonos) pedida por España. España non renuncia á súa aposta polos coronabonos porque, ademais, sería o máis coherente nunha verdadeira Unión Económica e Monetaria, pero asume que a palabra suscita certo rexeitamento nas opinións públicas dalgúns países e abre a porta a outras formas de mutualización da débeda.

Á espera de coñecer en detalle o esquema en que está a traballar a Comisión Europea, o obxectivo é mobilizar capital por un importe aínda por definir, cun mecanismo mediante o que sería a Comisión Europea a que se endebedaría nos mercados internacionais, con garantías ofrecidas polos Estados membros e mediante a elevación do teito do marco financeiro plurianual. Deste xeito, aínda que non sería unha emisión de débeda conxunta, ao actuar a Comisión como prestatario principal asumiría parte dos riscos. Tamén está por definir como se distribúen os fondos entre Estados membros ou entre sectores.

Noticias web

20/04/2020