CRTVG

Buscar

Merkel dá marcha atrás á parada de Semana Santa e pide perdón polo seu erro

Publicado o 24/03/2021 16:45
Merkel dá marcha atrás á parada de Semana Santa e pide perdón polo seu erro

A chanceler alemá, Angela Merkel, revogou a paralización da actividade publica e económica para a Semana Santa pola pandemia e asumiu o "erro" por unha decisión que causou enoxo e confusión mentres as enquisas reflicten a caída do seu partido en pleno ano electoral.

"Este erro é só meu", asegurou a chanceler, que se desculpou en primeira persoa ante a cidadanía -a pesar de que a decisión se tomou conxuntamente entre o Goberno central e os 16 executivos rexionais- por contribuír á incerteza na pandemia: "Pido perdón ás cidadás e cidadáns".

A decisión desta "parada" entre o xoves Santo e o luns de Pascua, que prohibía as concentracións públicas e obrigaba a pechar case todo o comercio, suscitara fortes críticas no país onde a incidencia, os casos e a ocupación das UCI levan varias semanas á alza. Merkel sinalou que "a idea tiña a mellor intención", co obxectivo de conter a terceira onda da pandemia, pero que suscitaba problemas legais e de aplicación.

Posteriormente Merkel expresouse en termos parecidos ante o Parlamento antes de someterse a unha rolda de preguntas centradas na loita contra a pandemia e na que algúns deputados lle suxeriron que pedise un voto de confianza. Tanto o presidente do Partido Liberal (FDP), Christian Lindner, como o xefe do grupo parlamentario da Esquerda, Dietmar Barsch, pronunciáronse nese sentido antes da sesión de preguntas.

 

Noticias web

24/03/2021