CRTVG

Buscar

Merkel anuncia prórroga de medidas ata despois de Semana Santa

Publicado o 01/04/2020 21:15

A chanceler alemá, Angela Merkel, anunciou este martes a prórroga das medidas vixentes no país para combater a propagación do coronavirus ata despois da Semana Santa.

"Acordamos cos primeiros ministros dos estados federados manter as medidas ata o de agora vixentes", dixo Merkel despois da conferencia telefónica celebrada cos presidentes dos estados federados alemáns.

A chanceler dixo entender que a actual é "unha situación difícil para todos" e deu as grazas aos cidadáns por respectar as medidas en vigor.

Merkel informou por audioconferencia que é "moi cedo para pensar nun relaxamento das medidas", e confirmou que se reevaluará a situación despois do próximo 19 de abril, día no que oficialmente acaban as vacacións escolares.

Ademais, pídese aos cidadáns que renuncien "en xeral ás viaxes privadas e visitas a achegados" con motivo da Pascua, o que se prescribe tanto para desprazamentos locais como interrexionais.

En todos os estados federados permanecen abertos comercios de alimentación, farmacias ou establecementos de artigos de primeira necesidade, ademais de gasolineiras e bancos. Permítese saír facer a compra, pasear o can ou andar, mesmo facer deporte ao aire libre, pero só individualmente. 

O goberno federal e os 'länder' acordaron o pasado 22 de marzo o peche parcial da vida pública e a prohibición das reunións ou saídas en grupo de máis de dúas persoas (ampliable a máis, en caso de quen convive nun mesmo fogar). Tamén pecharon escolas e garderías e só permanecen abertos no país algúns comercios, fundamentalmente os dedicados ao abastecemento de alimentos, así como as farmacias ou gasolineira. Algúns estados federados aplicaron medidas máis restritivas.

Balance das últimas horas en Alemaña

Alemaña sumou nas últimas 24 horas case 5.500 novos contaxios e preto de 150 falecidos, mantendo o incremento continuado dos últimos días, que sitúa o total de casos no país por enriba dos 67.000, segundo os datos publicados por Instituto Robert Koch, a axencia gobernamental alemá responsable do seguimento de enfermidades infecciosas.

En concreto, houbo 149 falecidos no último día, polo que o total é de 783, mentres que se rexistraron 5.453 novos casos, o que eleva o total a 67.366 e sitúa ao país como o quinto a nivel mundial en número de casos, por detrás de Estados Unidos, Italia, España e A China.

O Reino Unido rexistra un récord de 563 mortos por COVID-19 nun día

O Reino Unido rexistrou 563 mortos nun só día por COVID-19, o máximo número ata o de agora, ata alcanzar un total de 2.352 falecidos pola enfermidade, segundo os datos publicados este mércores polo Ministerio de Saúde británico.

Os infectados polo coronavirus ascenden no país ata 29.474 persoas, con 4.324 casos detectados nas últimas 24 horas, mentres aumenta a presión sobre o Goberno para incrementar o número de tests diarios.


Italia suma xa máis de 13.000 falecidos e 110.000 casos 

Os falecementos en Italia asociados ao coronavirus alcanzaron hoxe os 13.155, tras rexistrarse 727 máis nas últimas 24 horas, unha cifra algo inferior á do día anterior. O número de contaxios novos subiu, con todo, a 2.937, despois de dous días en que este aumento estivo ao redor do dous mil casos, e na actualidade os casos positivos son de 80.572, dos cales 28.403 están hospitalizados, e 4.035 en coidados intensivos.

O Goberno italiano disponse a aprobar un novo decreto de aquí ao venres para prolongar polo menos ata o 13 de abril as medidas de confinamento e bloqueo de actividades que xa van cumprir catro semanas. 

Os EUA agardan 100.000 mortos

América inicia o segundo mes de loita contra a propagación do coronavirus. Suma máis de 200.000 contaxiados, a maioría nos Estados Unidos, onde as autoridades estiman que nas próximas semanas morreran máis de 100.000 persoas.

África enfróntase a un "desastre inminente"

África é ata agora o continente menos afectado pola pandemia. Hai 6.000 persoas infectadas en 50 países. Pero os expertos consideran que a expansión do coronavirus vai dúas ou tres semanas por detrás de Europa. "Unha catástrofe. A evolución está sendo dramática e pode colapsar en poucos días os fráxiles sistemas sanitarios da maioría dos países", aventura o xefe rexional da Cruz Vermella. "África enfróntase a un desastre inminente", alertan desde a Organización Mundial da Saúde.