CRTVG

Buscar

Mergulladores voluntarios retiran máis dunha tonelada de lixo dos fondos mariños na Illa de Arousa

Publicado o 24/04/2021 16:57

Refugallos, nasas, trasmallos, aparellos de pesca.... Os fondos mariños sofren cada vez máis a acción do ser humano, e para tentar remedialo unha trintena de mergulladores voluntarios participaban esta mañá nun proxecto de retirada de lixo preto do illote do Areoso, nese paraíso que é A Illa de Arousa.

"Apuntámonos a isto para limpar un pouco os fondos, porque sempre quedan aparellos da xente que os perde, non porque os tiran, e limpar un pouquiño por seguridade nosa e dos demáis, e que non mallen os peixes que non teñen que mallar", asegura Genero Vázquez, mergullador voluntario.

A iniciativa de limpeza pertence ao proxecto PLANCTO, auspiciado pola Afundación de Abanca, un programa que pretende investigar a situación do litoral galego e propoñer estratexias de conservación e de sostibilidade nos procesos produtivos do delicado ecosistema mariño.

Para Pilar Alves, coordinadora xeral de Responsabilidade Social da Afundación "non é soamente facer accións de recollida de refugallos con voluntarios, senón implicar moitos máis colectivos, realizar charlas respecto a interacción aves e pescadores, que moitas veces capturan accidentalmente diferentes aves; consiste tamén en dar charlas sobre sostibilidade nos negocios da pesca".

Tras unha mañá de traballo os mergulladores voluntarios conseguían retirar mil cen quilos de lixo dos fondos mariños, que se sumarán á case media tonelada que esta semana se limpou das praias da Illa de Arousa. Todo o refugallo recollido procesarase nos puntos de reciclaxe. Esta iniciativa repetirase noutros puntos do litoral para concienciar de que a saúde do mar depende de todos.

Noticias web

24/04/2021