CRTVG

Buscar

O Mércores de Cinsa e o Enterro da Sardiña póñenlle fin ao Entroido galego

Publicado o 06/03/2019 21:56

Hoxe é Mércores de Cinsa, primeiro día da Coresma e unha celebración recollida no Misal Romano. E así moitas localidades tiveron misas esta mesma tarde, como na parroquia de Salomé, en plena zona vella de Santiago de Compostela. Esta tradición de impoñer cinsa remóntase a tempos antigos, cando os fieis a colocaban na cabeza como un hábito penitencial para recibir o sacramento da reconciliación no Xoves Santo.

E como cada Mércores de Cinza, Lugo despediu o Entroido co seu particular Enterro da Sardiña, organizado pola asociación cultural Pepe Barreiro. As carpideiras entoaron un ano máis o seu tradicional canto patético nunha procesión esperpéntica polo centro da cidade. Desta volta, a comitiva de choróns e de choronas rematou nunha carpa por mor da chuvia.

Queima do Meco en Santiago
En Santiago, centos de persoas vestidas de rigoroso loito despedíronse hai apenas uns minutos do Entroido. O broche final, como cada ano, púxoo a tradicional procesión do Meco polas rúas da cidade. Unha marcha que rematou na Praza Roxa. Alí queimouse o Meco e pechouse o Entroido 2019.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/03/2019