CRTVG

Buscar

'Mente-Materia', as silenciosas esculturas de Silveiro Rivas

Publicado o 28/09/2020 15:51

Nacen dunha mente e créanse dun material. 'Mente-Materia' dá nome a unha exposición que non é unha retrospectiva, senón formas que dialogan nun espazo, na procura da escultura perfecta.
A mente que cavila estas formas e as mans que transforman os materiais teñen 78 anos e pertencen a Silveiro Rivas. No seu obradoiro de Tui fálanos do seu silencioso diálogo coa natureza.

Na mostra atópanse obras de pequeno formato que o escultor concibe como experimentacións para as súas grandes creacións. Esculturas de varias toneladas. Dúas delas creadas para esta exposición. Outra rematada despois de anos de reflexión. Tan pesadas coma leves.

A súa mestría técnica é asombrosa: na madeira que comezou a traballar co seu pai ebanista. No granito e o bronce, na resina sintética. Os materiais máis dialogados ca sometidos.

A exposición tamén é un eloxio do silencio. Unha música calada nacida da vontade pero tamén imposta por unha xordeira que se fraguou no bruído das canteiras de granito.

Influído pola arte exipcia, por Rodin e Brancusi, non está moi de acordo coa etiqueta da abstracción. Cómpre dicilo: é un dos grandes escultores galegos. Autor de obra pública espallada que abre as portas do espazo.

Mente e material, silencio e levidade: Silverio Rivas na Casa das Artes de Vigo.


 

Noticias web

28/09/2020