CRTVG

Buscar

Menos rapaces e máis medidas de hixiene nos campamentos de verán

Publicado o 16/07/2020 15:38

Quince días máis tarde que outros veráns abriron os campamentos para mozos da Xunta de Galicia. No de Gandarío os participantes non puideron entrar todos xuntos, como en anos anteriores. Foi a primeira medida para minimizar o risco de contaxios de coronavirus.

"Este ano por primeira vez déuselles unha hora en concreto a cada rapaz, en prazos de cinco en cinco minutos para que non houbera grandes aglomeracions na entrada, nin nos aparcamentos", di Eduardo Vázquez, director do complexo xuvenil As Mariñas.

"Cambian moitísimas cousas, primeiro que os mozos teñen que estar separados por gupos que non poden interactuar entre eles, salvo en momentos moi, moi puntuais, e sempre con máscara", explica Sabela Fariña, directora do campamento de Gandarío.

"Non temos chalecos para todos os mozos e entón temos que desinfectar o material todo cada vez que facemos unha rotación", engade a monitora Sandra López.

Hai 67 rapaces, a metade do habitual, e o mesmo número de monitores, o que garante maior atención e vixilancia. Malia as restricións, os participantes agradecen poder desfrutar do mar e das actividades ao aire libre, e están dispostos a cumprir as medidas de seguridade.

Cando o tempo non permita impartir cursos de vela, surf ou mergullo, os mozos terán actividades en aulas interiores con espazo para manter a distancia de seguridade.

Noticias web

16/07/2020