Cristina Blanco: "A idea é que se integren o máximo posible, non facer guetos"
O grupo de vinte menores migrantes procedente de Ceuta pasou a primeira noite en Galicia, baixo a tutela da Xunta. Logo dunha longa viaxe, en barco ata Alxeciras e en avión ata Santiago, chegaron aos seus destinos, segundo a sudirectora xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia, con moita canseira pero tamén con ilusión.
Nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia, Cristina Blanco Aragón considera que esta nova etapa "non deixa de ser un punto de inflexión" nas súas vidas, polo que tamén viven o momento con altas doses de incerteza.
Para evitar calquera tipo de discriminación, atópanse en diferentes centros da comunidade. "A idea é que se integren o máximo posible", subliña, e para que sexa máis doado evitan situacións de concentración, para non "facer guetos".
Asegura que teñen en conta cada perfil e "vemos a posibilidade de ir adaptando as súas preferencias". O primeiro obxectivo é adaptarse ao contorno e comezar a coñecer o idioma. "Falan marroquí, moi pouco castelán e nada de galego, polo momento", explica.
Nunha segunda fase, o labor de tutelaxe céntrase no seu proxecto vidal. "Están preto da maioría de idade e hai que traballar a inserción social e laboral", salienta. Tamén lles ofrecen asesoramento xurídico para formalizar a documentación e un acompañamento integral máis aló dos 18 anos.
"A idea é que sexan autónomos pero completamente, non porque haxa un papel que diga que teñen dezaoito anos". Por iso, igual que se fai co resto de menores en situación de protección, "traballamos a integración sociolaboral" despois da maioría de idade en vivendas tutelas nas que se traballa a transición á vida adulta.
Para Cristina Blanco é unha tarefa complicada pero tamén gratificante. Amósase convencida de que "en Galicia temos un carro importante de oportunidades e creo que pode ser un bo destino" para un futuro mellor. Porén, se logo queren marchar cara outras comunidades, tamén están aí para acompañalos no proceso.