CRTVG

Buscar

Membros da Tradescola dan un concerto didáctico para escolares en Castroverde

Publicado o 18/12/2017 14:11

Hoxe en Castroverde soaron instrumentos, ritmos e melodías da música tradicional galega, con membros da Tradescola, que tocaron no colexio da vila. Non faltaron a gaita e o bombo pero tampouco a zanfona ou a requinta que axiña puxeron a funcionar as palmas dos máis pequenos.

O son das gaitas, o tambor ou o bombo alegrou a actividade escolar dos alumnos do colexio de Castroverde. A música chegaba da man de mestres da Tradescola, a escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que realizaron un concerto didáctico en que lles achegaron aos cativos os ritmos e os instrumentos máis tradicionais.

Amosáronlles con detalle numerosos intrumentos, dende a gaita ás carrañolas, e viron como soaban sós ou tocando en grupo. Tomaron boa nota de cada un deles, pero a gran triunfadora foi a zanfona.

Os pequenos participaron con moitas ganas na actividade e houbo dende caras de sorpresa cos instrumentos menos coñecidos, ata olliños que nin pestanexaban para non perder nada. Tampouco faltaron as palmas, para acompañar a música.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/12/2017