CRTVG

Buscar

Mellorar a seguridade a todos os niveis, reto colectivo para o Xacobeo 2021

Publicado o 18/02/2019 17:40

Quedan dous anos para o Xacobeo 2021, pero, para que nada quede ao azar e todo estea disposto, desde a Xunta e desde o Goberno central traballan xa desde distintos ámbitos co reto de garantir a seguridade total dos milleiros de peregrinos que se esperan.

As previsións apuntan a que o ano que vén e no ano santo de 2021, Galicia vai recibir milleiros de peregrinos e por iso as administracións implicadas queren estar preparadas e que os distintos camiños estean nas mellores condicións para acoller esa marea de visitantes. Con ese fin, con certa regularidade reúnese unha comisión de seguridade, en que participan o Goberno central, a Xunta, representantes dos concellos e dos corpos de seguridade.

Esta mañá celebrouse unha xuntanza na Coruña onde se revisaron as actuacións que se están a levar a cabo nas distintas rutas xacobeas para garantir a seguridade viaria e física dos peregrinos: mellora de cruzamentos perigosos, mellora da sinalización e o reforzo da vixilancia policial nos distintos camiños en que participan Policía Nacional, Garda Civil e Policía Autonómica.

O Camiño de Santiago bateu o ano pasado a súa marca histórica de peregrinos coa chegada de preto de 328 mil. Unha cifra que vai quedar pequena se as previsións se cumplen de cara ao ano que ven e sobre todo no Ano Santo 2021. Isto supón un reto para as Administracións autonómica e estatal, que traballan xa en distintas actuacións para garantir a seguridade dos peregrinos, e que avaliaron nunha xuntanza esta mañá na Delegación do Goberno.

Xunta e Goberno colaborarán ademais nas campañas de promoción do ano santo 2021.





 

Noticias web

18/02/2019