CRTVG

Buscar

Melide rexistra 24 novos casos de coronavirus nun só día e 81 na última semana

Publicado o 26/08/2021 14:37

Dúas semanas despois de relaxar as restricións ata o nivel máis baixo, Melide terá que volver endurecelas ante o crecemento disparado de novos casos de coronavirus. En só sete días diagnosticáronse nesta localidade que non chega a 7.500 habitantes 81 novos positivos.

Os novos casos subiron, sobre todo, entre a xente máis nova, xusto despois das festas de San Roque. Entre os transeúntes hai consenso: "Houbo algo de desfasamento", din varias rapazas, que apuntan a certa relaxación durante as xornadas festivas.

Ademais, hai quen apunta tamén aos peregrinos que atravesan esta vila do Camiño Francés. "Eu non digo que leven a máscara polo camiño, pero cando pasan pola vila deberían poñela", di unha veciña, que asegura que a maior parte van sen ela.

24 dos novos casos detectáronse nas últimas 24 horas e deles, 11 afloraron no cribado poboacional realizado onte á tarde para mozos de entre 14 e 22 anos. E iso tendo en conta que das 500 persoas convocadas no centro de saúde só asistiron 204, menos da metade. Na rúa, explican que moitas desas persoas xa están confinadas por seren contactos estreitos de positivos. Tamén apuntan que a algúns dos citados coincidiulles a convocatoria coa da vacinación.

Desde o sábado, baixarán ata o 30 por cento as posibilidades de ocupación no interior dos bares. Nas terrazas reducirase a cabida ata o 75 %, e no lecer nocturno a hora de peche adiántase á unha.

Noticias web

26/08/2021